César Portela ingresa como académico de honra na Real Academia Galega de Belas Artes

César Portela ha ingresado como académico en la Real Academia Galega de Belas Artes

O acto tivo lugar este sábado en Pazo Baión, cuxa rehabilitación é unha das obras máis emblemáticas do arquitecto César Portela

O Domus e o Palacio de Congresos e Lecer da Coruña, o Auditorio Mar de Vigo e a nova terminal do aeroporto da cidade olívica, o Museo de Historia Natural de Santiago e, por suposto, a rehabilitación de Pazo Baión. Todas estas obras, auténticas iconas da Galicia contemporánea teñen algo en común: son proxectos deseñados polo arquitecto César Portela. Tras unha dilatada e exitosa carreira tanto dentro como fóra de Galicia, César Portela ingresou como académico de honra na Real Academia Galega de Belas Artes nun acto que tivo lugar este sábado 23 de agosto en Pazo Baión. Onde se non?

Durante este emocionante evento, Portela leu o discurso Arquitectura: unha disciplina entre a arte e a técnica. Nel defendeu o papel da arquitectura como arte, pero tamén como disciplina ao servizo da sociedade. Deste binomio dan boa fe obras do arquitecto galego como a Estación de Autobuses de Córdoba.

Como manda a tradición, as palabras de César Portela foron contestadas por outro membro da institución á que se incorpora: o tamén arquitecto Xosé Manuel Casabella López.

O ingreso de Portela como académico de honra á Real Academia Galega de Belas Artes pon en valor a súa ampla traxectoria e a transcendencia do seu legado xa non só para o mundo da arquitectura e da arte, senón, tamén, para toda a sociedade.

Para todos os que formamos parte do proxecto de Pazo Baión foi un pracer acoller este solemne acto e, así, render homenaxe ao arquitecto que transformou en ideas e planos os anhelos de Condes de Albarei cando tomou o control desta histórica propiedade no ano 2008.

César Portela destacou no seu discurso a relación da arquitectura coa natureza

Pazo Baión, o epítome das ideas e valores de César Portela

«En Pazo Baión, pode afirmarse que todo o que nel hai é Arquitectura» con estas palabras, César Portela resume a importancia do arquitectónico no proxecto de Pazo Baión, unha propiedade dedicada, á vez, a elaborar os únicos albariños de pago e a ser un espazo de enoturismo prestixioso a nivel nacional. Tanto no relativo á nosa innovadora adega, como no relativo a Pazo Baión como recuncho enoturístico, a arquitectura fúndese coa natureza. Precisamente, o arquitecto afirmou, durante o seu discurso, que «a boa arquitectura non destrúe á natureza, senón que a respecta, a sublima e a enriquece».

Tal é así, que César Portela sostén que «o aire, o vento, a auga, a bruma, a néboa, o cheiro… a luz, os contedores do viño, tamén son Arquitectura ou, cando menos, axudan a configurala».

Por iso, a natureza xogou un papel central no proxecto que Portela deseñou para devolverlle a Pazo Baión todo o lustre de outrora e, á vez, acondicionalo para converterse nun referente do enoturismo nas Rías Baixas e na elaboración de viños da variedade albariño. Así, o respecto pola tradición e o pasado dunha leira con cinco séculos de historia complementouse cunha deliciosa modernización de todas as súas instalacións, a rehabilitación do patrimonio deteriorado e a humanización de múltiples espazos.

O resultado é un pequeno recuncho do mundo no que o tempo se detén e as persoas poden gozar dunha combinación irresistible: natureza, historia e os mellores albariños. Un lugar a medio camiño entre o divino e o humano.

De feito, todo aquel que estivo en Pazo Baión e gozou dos seus encantos sabe que esta leira ten algo de máxico, un encanto intanxible e difícil de verbalizar. Un atractivo irresistible que levou a César Portela a afirmar que «ao longo deste traballo experimentei unha forte nostalxia de realismo e, ao tempo, unha non menos forte ansia de utopía». Así é Pazo Baión, un espazo único a medio camiño entre o pasado e o futuro, entre o real e o ideal.

Na nosa propiedade, César Portela puido expresar todas as súas ideas e poñer en valor a arquitectura, a historia, a cultura e a natureza de Galicia. Un proxecto de rehabilitación pensado ao milímetro que non renunciou a introducir elementos arquitectónicos de vangarda e dar cabida a outras artes como a escultura.

Desde logo, Pazo Baión é o mellor lugar para oficializar o ingreso de César Portela como académico de honra na Real Academia Galega de Belas Artes. Nesta leira, a arte flúe por todas partes.

Compartir

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp

Deixa unha resposta

Pazo Baión

Últimas noticias