Inma López Silva: «Son moi dionisíaca, por iso gústame tanto o mundo do viño»

Inma López Silva é unha das voces máis coñecidas da literatura galega

A xenial escritora aterra nas Lecturas de Pazo Baión para recomendarnos tres obras deliciosas. Inma López Silva é unha das grandes voces da literatura galega contemporánea

Hai conversas que ben poderían durar unha vida. Unha con Inma López Silva (Santiago de Compostela, 1978) entraría sen dificultades nesa categoría. Polo que di, por como o di. Tamén pola ledicia que proxecta. Por esa capacidade innata que ten para facer sentir ben ao seu interlocutor. Por todo iso había tempo que tiñamos gañas de recibila nas Lecturas de Pazo Baión.

Un espazo que hoxe dá a benvida a unha das grandes voces da literatura galega contemporánea. E que se suma a outros escritores como Arantza Portabales ou Domingo Villar.

Escritora versátil e comprometida, Inma López Silva é tamén unha amante declarada do mundo do viño. «Son moi dionisíaca, por iso gústame tanto o mundo do viño», confesa.

De vocación precoz, Inma López Silva publicou a súa primeira novela con 16 anos. En casa, seguro, víano vir desde moito antes. «Sempre fun moi lectora, e unha nena con moita imaxinación, co que en certo modo era un camiño natural que canalizase a miña vida cara á escritura».

Desde entón ata o de agora, a escritora compostelá ten tocado multitude de xéneros. Narrativa, ensaio, tradución, opinión xornalística… En total, máis dunha vintena de obras que a catapultaron ao éxito.

De O libro da filla (Galaxia, 2020), o xornalista Carles Francino dixo que «é o mellor que lin en moito tempo, pon a pel de galiña». Mentres que outro referente da escena literaria como Ignacio Martínez de Pisón pronunciábase nesa mesma dirección: «Unha novela electrizante sobre os máis escuros recunchos da alma humana».

É neste territorio da narrativa no que a escritora accede á súa zona de confort. «Onde me sinto máis cómoda é na novela, aí síntome como na casa». Aínda que recoñece unha simbiose igualmente natural coa opinión xornalística.

Un xénero ao que lle declara o seu amor porque, dalgunha forma, permitiulle evolucionar como escritora. «Obrigoume a mellorar a destreza estilística, incluso a forma de observar a realidade», argumenta.

Vaiamos pois, sen máis preámbulo, coas súas suxerencias literarias. Quen sabe tamén se un bo agasallo para este Nadal… Maridadas, como non podía ser doutra forma, cos nosos albariños de pago.

Inma López Silva recomend un libro xuvenil tamén para o público adulto

Pazo Baión e «O cemiterio de barcos»

Inma López Silva estréase nas Lecturas de Pazo Baión cun libro xuvenil. O cemiterio de barcos (Galaxia), do vigués Francisco Castro. Unha obra moi especial porque, aínda que está dirixida a un público adolescente, é en opinión da nosa invitada moi sedutora tamén para o público adulto. «E esa é de verdade a boa literatura», proclama.

O libro, ambientado nunha vila mariñeira, narra unha historia de amor, pero cun trasfondo máis denso, máis relevante. Unha historia vinculada coa memoria histórica e o compromiso político.

«Hai neste libro unha reflexión de fondo moi poderosa sobre a nova masculinidade. Paréceme unha lectura moi suxestiva».

Esa sensibilidade por desentrañar os segredos da condición humana está moi presente en toda a obra de Inma López Silva. Mesmo unha certa inclinación por achegarse ás historias que exploran o mal.

«É que eu creo que o mal é literario por definición. As grandes historias están aí. O interesante do mal primeiro é que exista. Que puidendo ser bos sexamos malos non deixa de ser curioso. En calqueira caso –continúa-, a mín o que me interesa é o mal como consecuencia. A vontade de poder que aspiramos a exercer as persoas».

Chegados a este punto, a autora galega marida o libro de Francisco Castro con Pazo Baión. Pola súa frescura e a súa personalidade nova. «Paréceme que hai unha conexión natural con este viño».

Inma López Silva marida Gran a Gran cun dos libros do ano

Gran a Gran e Hamnet

A segunda recomendación de Inma López Silva é unha das obras que causaron sensación nos últimos tempos no panorama literario mundial. Hamnet, da irlandesa Maggie O’ Farrell.

Unha delicia que, no caso da autora galega, conecta cos seus gustos persoais. «É que Hamlet é a miña obra de cabeceira, o libro ao que sempre volvo», declara.

Hamnet achégase á vida dun personaxe tan fascinante como William Shakespeare pero dunha forma tan orixinal como provocadora. A través da súa familia, concretamente, da súa muller e os seus fillos.

«O’Farrel crea unha historia posible sobre a súa vida a pesar das moitas incógnitas que rodean a vida de Shakespeare. E faino cunha sensibilidade marabillosa».

López Silva marida esta obra con Gran a Gran. Ese pequeno milagre elaborado en Pazo Baión, un viño pasificado produto da podredumbre nobre, un fascinante experimento que conquistou á crítica e ao gran público. Exactamente igual que Hamnet.

É neste punto no que a nosa invitada profunda na súa paixón polo mundo do viño. Unha sensibilidade que alimentaron os seus pais. «Eles educáronme no gusto polo viño. A partir de aí sempre sentín curiosidade e desexo de probar viños diferentes. É que este mundo é unha festa sensorial», matiza entre risas.

Apaixoada do enoturismo, adoita visitar adegas cando viaxa se é posible. «Por suposto, tamén probo os viños locais».

Inma López Silva cre que Feliz Idade é un libro perfecto

Vides de Fontán e Feliz Idade

A última proposta de Inma López Silva nas Lecturas de Pazo Baión é un exercicio de sensibilidade e intensidade. Feliz Idade (Faktoría K de Libros) da lucense Olga Novo, unha marabilla que recibiu o Premio Nacional de Poesía o ano pasado.

Un libro co que a nosa invitada ten unha conexión un tanto especial. «Eu tivera a sorte de escoitar un poema recitado por Olga un ano antes e quedárame sobrecollida, como todos os que estabamos alí gozando. Desde entón, estaba pendente da publicación», repara.

Efectivamente, leu a obra nada máis saír e quedou prendada. «É un libro perfecto, tan profundo e tan imprescindible. É poesía dunha sinxeleza aparente, pero cunha profundidade tan poderosa…»

Tanto lle marcou a obra de Olga Novo, que unha das citas de O libro da filla é precisamente un dos seus poemas. Logo de todo iso viría o Premio Nacional e a sucesión de recoñecementos.

É esa profundidade, esa sensibilidade tan especial, a que leva a Inma López Silva a maridar Feliz Idade con Vides de Fontán. Un albariño singular, excepcional pola súa personalidade, polos seus tres anos de crianza.

Un viño para degustar. Para deixarse levar. Unha conexión natural coa poesía de Olga Novo.

En definitiva, tres libros moi especiais para gozar con tres albariños igualmente xenuínos.

Foi un auténtico pracer recibirte Inma. Ata pronto!

Visita a nosa web para mercar o mellor viño albariño.

Se queres facer enoturismo nas Rías Baixas, descubre a nosa adega.

Compartir

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp

Deixa unha resposta

Pazo Baión

Últimas noticias