Bodega Pazo Baión
Unha viaxe por unha
propiedade única
Cinco séculos rodeados de viñedos
No universo do viño, o tempo é un agasallo. A confirmación dun traballo ben feito. Por iso o de Pazo Baión é un proxecto vitivinícola singular. Distinto. Que bebe de cinco séculos de historia para construír un legado que fala de cultura e arquitectura, pero sobre todo de viños albariños. Á fin e ao cabo, as primeiras referencias bibliográficas sobre a propiedade datan do século XVI, por aquel entón baixo a titularidade dos señores de Sarmiento.
É leste unha viaxe que percorre a historia de Galicia. Das súas familias máis poderosas. Como os Figueroa ou os Sarmiento, titulares do pazo ata que no século XVIII pasou a mans dos Condes de Priegue. Pero é, por encima de todo, un relato de incalculable valor sobre a cultura do viño nas terras de Breogán. Non en balde, hai testemuños documentais datados en 1731 que certifican o cultivo de vides na leira, con total seguridade, viñedos de albariño. Unha vocación que permaneceu ata os nosos días.
A comezos do século XX, Don Adolfo Fojo Silva, un adiñeirado emigrante galego retornado de Arxentina, compra a propiedade e pon en marcha unha ambiciosa reforma do antigo pazo. Deixa atrás a sobriedade dos séculos anteriores para construír as dúas torres de corte victoriano, unha adega, vaquerías…
Por aquel entón, a maior parte da superficie da leira destinábase ao cultivo de cereal e ao pasto do gando. O viño, con todo, seguía estando presente. Os propietarios mantiñan unha notable produción para posteriormente destinalo á comercialización.
Foi nos anos 70 cando os últimos herdeiros de Don Adolfo Fojo venden o pazo a unha sociedade que, ademais de instalar na leira unha das máis modernas industrias lácteas de Galicia, realiza a primeira plantación técnica de albariño de Rías Baixas. Un viñedo que se acabaría convertendo nunha referencia para os profesionais do sector.
Finalmente, e tras pasar polas mans de diferentes propietarios, o 16 de xullo do 2008 Adega Condes de Albarei adquire a adega Pazo Baión. Arrincaba entón a era de maior esplendor. Unha etapa caracterizada polo ambicioso proxecto co que desembarcaron os novos propietarios. Un proxecto sustentado sobre tres piares fundamentais:
- A elaboración de albariños de extraordinaria calidade a partir dun concepto de viños de pago.
- A creación dun centro de enoturismo de referencia.
- O impulso a un ambicioso programa social.
Todo, a partir dunha recuperación arquitectónica exemplar que poñería en valor o incalculable patrimonio cultural e histórico que se pode visitar nas 22 hectáreas de superficie da leira.
30
Hectáreas Finca
22
Hectáreas Superficie de viñedo
5
Séculos historia
Porque ese é, quizais, o elemento central do actual Pazo Baión. A enorme cantidade de puntos de interese que ofrece ao visitante. A exemplar recuperación arquitectónica levada a cabo por César Portela permitiu rescatar e valorizar un complexo que encerra cinco séculos de historia e unha forma de concibir o mundo do viño a partir de termos como excelencia, calidade, orixinalidade…
Os viños da adega Pazo Baión son hoxe referencias indiscutibles dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas. Albariños avalados pola crítica e o público. Distintos. Origjnales. Xenuínos. A consecuencia directa dunha forma fascinante de entender este universo.
O terceiro piar do proxecto camiña nesa mesma dirección. Cara a esa forma de facer as cousas dunha forma distinta. O compromiso social. O 5 % das vendas dos albariños de Pazo Baión destínanse a programas de prevención contra as drogas. Paralelamente, a adega leva a cabo cada ano un notable esforzo empresarial para colaborar na reinserción sociolaboral de ex drogodependentes. Unha contribución de enorme valor colectivo.
Se a todo iso engadímoslle o ambicioso traballo para converter a propiedade nun proxecto de enoturismo de referencia a nivel mundial (no 2016 foi recoñecido como Mellor Recuncho Enoturístico de España), ademais da creación dunha liña de eventos que aproveita o singular valor arquitectónico e cultural de Pazo Baión, logramos pechar un círculo virtuoso. Un proxecto que naceu fai cinco séculos pero que, hoxe, está máis vivo que nunca. Que é, en definitiva, pasado e presente dos viños albariños.