Índice
Por cuarto ano consecutivo, Carlos Núñez ofrecerá un concerto en Pazo Baión, evidenciando a relación entre a música e os viños e poñendo en valor a tradición
A música e os viños, os viños e a música, estas dúas tradicións teñen un enorme arraigamento e unha historia centenaria nas Rías Baixas. Un legado conxunto que se segue escribindo a día de hoxe grazas a eventos como o concerto que vai dar Carlos Núñez, o músico galego máis universal, en Pazo Baión por cuarto verán consecutivo.
Este evento que xa se converteu en todo unha tradición terá lugar o vindeiro venres 28 de xullo ás 20 h. e forma parte da Xira Lugares Máxicos do artista vigués.
Para ir quentando motores, tivemos o pracer de poder conversar con Carlos Núñez sobre a importancia da tradición, a constante procura da excelencia, o valor da colaboración interxeracional ou a aposta pola internacionalización da música e os viños.
-Por que Pazo Baión é un lugar máxico?
Pazo Baión é un lugar extraordinario polo seu enclave, que dota á propiedade dun clima privilexiado dentro do Salnés e permite á adega facer uns viños marabillosos; e polo seu equipo humano que ten unha gran vontade de sumar forzas e de traballar en equipo. Tamén quero destacar como Pazo Baión foi capaz de ir da man coa cultura, de relacionar a música e os viños e conformar unha fórmula gañadora: lugar, viño, cultura.
A proba é que xa van catro anos do noso tradicional concerto de Pazo Baión e cada vez é un éxito máis irresistible, cada ano esgótanse as entradas antes. Ademais, esta cita está a converterse nun dos concertos máis glamurosos da Xira Lugares Máxicos e eu creo que é pola influencia do viño. A combinación entre a música e os viños lévanos ao terreo da excelencia, ao desexo de querer gozar dunha experiencia excelente. E isto é algo moi importante.
Precisamente, lembro unha idea que me contou unha vez un famoso cociñeiro galego: «temos que facer como os xaponeses, temos que apostar pola excelencia». E a tradición permítenos desenvolver a excelencia. As cousas de aquí tamén merecen que se empuxe para lograr a excelencia. Isto é unha actitude de vida que creo que comparto totalmente coa xente de Pazo Baión e que está a dar uns resultados marabillosos.
Sobre todo, ao combinar a tradición con outro elemento da apócema: a vocación internacional. Eu levo toda a vida tentando levar a música galega e a música celta a todo o mundo. Esta vocación aprendina dos meus mestres The Chieftains que sempre me dixeron «non penses só no teu pequeno país, pensa no mundo». Ao final ese modus operandi, esa maneira de traballar e vivir é todo un éxito.
A música e os viños, tradicións abertas ao mundo
-De feito, unha das cuestións que ten en común a túa arte cos viños da D.O. Rías Baixas é esa aposta pola internacionalización e levar a esencia de Galicia a todo o planeta, non?
Si, é un proceso que leva moitos anos, que non se consegue só cun pico de éxito. E creo que iso é algo que a xente do viño sábeo perfectamente. É un traballo de longo percorrido. Ademais, a música e os viños comparten unha longa historia de miles de anos. Sen ir máis lonxe, hoxe en día hai novas teorías que sinalan que a variedade albariño xa existía en Galicia antes da chegada dos romanos. Esta tradición vai da man coa música.
Ambas, de feito, son tradicións orais que se foron perfeccionando e fóronse pasando estas sabedorías de xeración en xeración. E hoxe, cos coñecementos que hai podes xogar e podes facer todo tipo de experiencias, pero é certo que sempre somos leais á tradición e ao legado que nos chegou. Por iso traballamos con todo o noso agarimo e sendo conscientes da responsabilidade que temos de que o que creamos sexa excelente, porque se non se está destruíndo toda a bagaxe herdada.
Todos estes conceptos que fomos evocando claramente lévannos á idea de que Galicia é como unha gran ópera, na que se suma a música e outro tipo de tradicións, como a da elaboración do viño. Se xuntamos as partes desa creación colectiva que se transmitiu oralmente e renovámola con calidade podemos ser internacionais. Estamos a facer país a través da música e os viños.
De feito, os viños son embaixadores de Galicia no mundo actualmente. A min, en Nova York, estadounidenses quixéronme agasallar convidándome a tomar un albariño.
Maridar legado e vontade
-Outro paralelismo entre a música e os viños, e entre a túa arte e Pazo Baión, xira en torno ao concepto de patrimonio. Na nosa propiedade existe un patrimonio material, como o propio pazo e outros edificios históricos, pero tamén un patrimonio inmaterial, ligado ao cultivo da vide e a elaboración de albariños. Ti consideras fundamental dentro da túa obra a posta en valor da música, un gran exemplo de patrimonio inmaterial, galega e celta?
Totalmente. Esta cuestión permítenos observar un elemento diferencial. En Pazo Baión existe esa dimensión material, relacionada co arquitectónico e o histórico, e outra inmaterial, que é o cultivo das uvas. Ou, dito doutra forma, conxúgase o material coa cultura oral e a transmisión de coñecementos. Por que é isto diferencial? A explicación atópase na propia xénese do sistema da Xira Lugares Máxicos, da que forma parte o noso tradicional concerto en Pazo Baión.
Este sistema aprendémolo en California, nunha longa xira por Estados Unidos. Un día demos un concerto nunhas adegas na zona de Santa Bárbara, que viría ser o O Salnés de California e que ten unha longa tradición na elaboración de viños. De feito levaron variedades de moitas partes do mundo e, mesmo, están a tentar facer albariño nesa zona.
Eu xa vira a grandes artistas americanos tocando en lugares naturais e gozando da posta de sol. Eles están de volta de todo, non os vas a sorprender con medios técnicos. Con todo, a natureza parécelles insuperable. Que lles cativa? Por exemplo, unha posta de sol nuns viñedos. Cando actuamos nesas adegas de California, notábase a vontade que había nos donos, pero non había moito máis. Non había historia posto que todo aquilo era moi recente. Eles non tiñan nin unha tradición de centos e centos de anos, nin un patrimonio histórico como o noso. Á fin e ao cabo, en Estados Unidos non existen edificios do S. XVII.
Por iso, pensei que ese formato tiñamos que facelo en Galicia, nun lugar que combinase legado histórico con vontade. E ese lugar atopámolo, porque en Pazo Baión temos a historia e a vontade humana de facer cousas novas.
–Falando de atardeceres entre viñedos, durante o teu concerto en Pazo Baión vai producir, un ano máis, o atardecer. Como crees que isto afecta á experiencia de gozalo?
É a hora meiga, a hora máxica por excelencia e é un luxo poder gozar do atardecer nun lugar cun bo tempo máis ou menos asegurado. Porque é certo que Pazo Baión está nun lugar o suficientemente preto da costa para gozar do bo clima, pero ao mesmo tempo non se ve exposto ás néboas que poden asolagar a costa e que poden chafar ese momento máxico. Puidemos comprobar estes anos que neste lugar hai un clima moi estable. Se Santa Bárbara é o O Salnés de California, Pazo Baión é o Santa Bárbara do Salnés.
Poñer a tecnoloxía ao servizo da excelencia
–Volvendo ao que nos contabas antes sobre a tradición, a adega de Pazo Baión combina ese legado centenario de elaboración do viño con técnicas de vangarda. E na túa música fas algo similar. O teu último single, Danza de espadas, é tamén froito da combinación entre a tradición e os novos sons da música urbana.
Efectivamente, sempre nos estamos servindo das últimas tecnoloxías para lograr ese obxectivo de conseguir a excelencia.
Cando empezabamos, estabamos no momento cume do son analóxico, A Irmandade das Estrelas gravámolo en Windmill Lane Studios, onde gravaron artistas do calibre de U2 ou Morrison. Grandes estudos para gravar músicas en acústico, con todos os músicos tocando xuntos. Empregaban unha tecnoloxía punteira en todo o mundo para sons acústicos e alcanzar a excelencia que buscabamos.
Con todo, nos últimos anos apareceron as ferramentas dixitais e as redes sociais, que supuxeron a (case) morte da industria discográfica tradicional, porque aínda vendemos moitos discos nos concertos. As redes sociais, Spotify e toda a engrenaxe dixital levou a unha case gratuidade do sistema. Os artistas pagan para producir a súa música e logo regálana, esperando que o cosmos llo devolva en forma de concertos e festivais.
De tal forma que o dixital lévanos á microeconomía e ao do it yourself e, por tanto, a un terreo no que a música está ao servizo de alimentar ao monstro, como o definiu Bad Bunny. Que quere dicir isto? Que constantemente hai que sacar produtos de forma rápida e barata para que os algoritmos non che castiguen e para ter escoitas en Spotify. É dicir, facer música baixo custo.
Fronte a este modelo, nós tentamos utilizar desde o primeiro disco o mellor da tecnoloxía que está ao noso alcance, pero sempre poñéndoa ao servizo dos nosos ideais e obxectivos de excelencia.
En Danza de Espadas, por exemplo, quixemos xuntar a gaita e o trap en músicas que levan aí miles de anos, do mesmo xeito que as uvas. De tal forma que traballamos a tradición con músicas electrónicas, pero buscando sempre crear música de calidade. Por iso creo que os creadores de música que perseguimos a excelencia e as adegas que elaboran viños camiñamos na mesma dirección. Tanto Pazo Baión como outras adegas do sector non compiten no mundo baixo custo, senón que o fan na procura da excelencia e o recoñecemento internacional.
Precisamente, a internacionalización é un común denominador moi curioso entre a música e os viños. Estamos diante de dous exemplos moi potentes de esforzo pola internacionalización e de seguir a senda do milagre irlandés. É dicir, poñer en valor as nosas tradicións e cultura.
Á fin e ao cabo, Irlanda é un país no que chove e que, por tanto, podería non resultar interesante en termos turísticos. Con todo, apostaron por ofrecer a súa cultura, a súa maxia e a súa tradición ao resto do mundo.
A música e os viños galegos buscan poñer en valor a nosa tradición desde a excelencia.
Reivindicar a madurez e as experiencias interxeracionais
-Outra cuestión moi interesante de Danza de Espadas é a colaboración interxeracional, que tamén está moi presente no cultivo do albariño. Nesta peza traballaches con Yung Denzo, un produtor de 19 anos, crees que esta clase de colaboracións son fundamentais para transmitir a tradición ás xeracións futuras?
Efectivamente, o tema interxeracional é clave. A era dixital está a apostar pola separación entre xeracións (os de Facebook, os de Instagram, os de TikTok, as persoas que non consomen en dixital…). E, a música, de súpeto, vese fraccionada, ata o punto de que hoxe hai xente nova que non sabe nin quen eran os Beatles.
Curiosamente, tanto na música como nos viños, tradicionalmente sempre mandou a xente maior, a madurez. De feito, cando empecei os meus ídolos eran The Chieftains ou Paco de Lucía, xente da idade dos meus pais ou, mesmo, dos meus avós. Mestres dos que aprendías con humildade.
Agora este sistema tradicional rompeuse, porque existe a sensación de que os mozos teñen o control porque son aos que se lles dá mellor o mundo dixital.
En cambio, o mundo do viño demóstranos que unha persoa de máis de 50 anos ten aínda toda a vida por diante e acumulou unha gran cantidade de coñecementos para gozar, crear e facer cousas de longo percorrido. Produtos que cren país, que xeren unha marca de longa duración.
Por iso é polo que sosteña que o mundo do viño ten unha filosofía moi acorde coa das músicas que nós facemos e que desexamos que sexan eternas. Formamos parte dunha tradición que leva séculos e séculos. Hai que reivindicar a madurez. Moitos grandes artistas estaban a dar o mellor de si na súa etapa madura, como Pablo Picasso aos 80 anos.
A min sempre me gustou traballar con xente maior que eu porque eran mestres e aprendía deles. Agora que teño 50 anos gústame colaborar xa non só cos de 30, senón tamén cos de 18, como Yung Denzo. Unimos a gaita co trap e estou encantado, foi un proceso superinteresante.
As experiencias interxeracionais son importantísimas e a música tradicional axuda a levalas a cabo. Todas as idades son válidas e achéganche cousas diferentes, non hai que separarnos por xeracións. Creo que isto é común á música e os viños.
-Xa para terminar, centrándonos no concerto do 28 de xullo, poderías adiantarnos algunha sorpresa que se atoparán as persoas que vaian asistir?
Si, no concerto deste ano imos interpretar moitas cancións. Temos unha nova fichaxe, María Sánchez, unha violinista clásica de Barcelona que, ademais, é cantante. Con ela imos permitirnos explorar cancións que acabamos de gravar e pezas que elaboramos nos últimos anos.
Ademais, non vai faltar á cita John Polanski, violinista e bailarín de The Chieftains, que vén desde América do Norte e chegará o día anterior para estar en Pazo Baión, porque non quería perderse o concerto. E tamén teremos connosco a algúns dos músicos cos que gravamos hai unhas semanas na catedral de Saint-Denis de Paris as músicas celtas de Beethoven para Deutsche Grammophon.
Vai ser un concerto para gozar, para deixarse ir.