Fillo dun adegueiro apaixonado polo universo da viticultura, o xenial escritor é un profundo coñecedor do mundo do viño. Domingo Villar súmase ás Lecturas de Pazo Baión e regálanos tres deliciosas obras maridadas cos nosos albariños
Con Domingo Villar, o tempo vólvese líquido. Todo nel é narración. Cando escribe, é obvio, pero tamén cando conversa. Un pracer xenuíno para o interlocutor. Polo moito que sabe e polo ben que o conta. Nada tan sedutor como a súa proximidade.
Por todo iso convidámolo As Lecturas de Pazo Baión. Unha serie que arrincou coa nosa adorada Arantza Portabales e que agora suma ao xenial escritor galego, quen nos fará tres propostas maridadas cos nosos albariños.
Tres libros distintos. Tres xoias de distintos xéneros singularmente acaídos para estes días. Para relaxarse e gozar. Para gozar dese íntimo pracer que resulta dunha boa lectura e unha copa de calquera dos viños de Pazo Baión.
A chegada de Domingo Villar a esta iniciativa que marida libros e viños era, dalgunha forma, unha consecuencia lóxica. E é que o escritor é un apaixonado do mundo da viticultura desde que apenas levantaba dous palmos do chan.
«É unha herdanza –relata-. O meu pai e os seus irmáns tiñan unha leira na beira do Miño na que se facía viño desde o século XVI aínda que a maioría dos terreos estaban ocupados por froiteiros».
O caso é que, xa con certa idade, ao pai de Domingo Villar asaltouno a febre do adegueiro. E empezou a levantar froiteiros para plantar vides.
«E sucedeu unha especie de milagre. En casa deixouse de falar de estacións, de outono, de inverno ou verán, para empezar a falar de floración, purga, poda… A paixón polo mundo do viño apoderouse do meu pai desde que tiña 10 anos e foi el quen nos converteu a todos os fillos á relixión do viño», detalla.
É o momento, así pois, de presentar a primeira das súas suxerencias.
«Ávidas pretensiones» e unha copa de Pazo Baión
A primeira recomendación de Domingo Villar é un libro fresco, entretido, trufado de ironía e fina intelixencia. Ávidas pretensiones, de Fernando Aramburu.
Di o noso invitado que Aramburu, ao que o gran público identifica coa celebrada Patria, «ten un gran sentido do humor».
A sinopse desta obra xa nos dá algunhas pistas sobre a hilaridade da proposta. Unha cuadrilla de poetas que se encerran nun mosteiro en Cantabria para desvariar e entregarse aos praceres da vida. «Divertinme moito con este libro, a verdade».
Domingo debuxa na súa mente a escena para lanzarse coa maridaxe. «É un libro ideal para gozalo cunha copa de Pazo Baión fronte ao mar porque ten ese punto fresco, lúdico…»
Un gran plan para unha tarde de verán, non cren?
«O último barco» e Gran a Gran
A súa segunda proposta é unha homenaxe a unha forma de facer as cousas que conecta co pasado. Quizais tamén co futuro. Coa necesidade de deterse nas cousas ben feitas. Esas que maduran amodo. Con sensibilidade.
O escritor galego marida Pazo Baión Gran a Gran cunha das súas obras máis coñecidas e aclamadas: O último barco.
«Tamén foi un libro de maduración tardía. Levoume 10 anos escribilo porque non me convencía demasiado o primeiro que fixera».
E por que con Gran a Gran? «Porque homenaxea as cousas que se fan amodo e coas mans. Por iso un viño que se elabora gran a gran, uva a uva, con paciencia e deixando que o viño se vaia elaborando aos poucos, conecta tan ben con este libro».
Un libro que é moito máis que unha novela negra. «Moitos dos meus maiores fixéronme ver que coa escusa dunha investigación policial podíase facer literatura de verdade. Podíase escribir novela negra sen ter que renunciar a escribir sobre a condición humana, sobre as emocións ou os lugares», argumenta.
Unha forma de entender a súa paixón que atopou un punto de inflexión cando o autor galego descubriu a Andrea Camilleri, un dos referentes do xénero, tempo atrás.
Hai de feito en Leo Caldas, o protagonista dos libros de Domingo, unha sutil conexión co comisario Montalbano, o popular personaxe creado polo falecido escritor italiano.
Como este, o inspector de policía creado polo noso invitado coouse ao longo dos últimos lustros en miles de casas do todo o mundo. E gañouse o afecto do gran público.
Polo seu carácter amable, a súa empatía e a súa decencia. Tamén pola retranca que planea en todas as entregas da saga. Ese peculiar sentido do humor que resulta tan exótico ao leste do telón de Grelos.
Domingo fala cunha sensibilidade moi especial do seu personaxe. «Leo é un tipo traquilo, con algúns demos. Non moitos. Os mata por certo gozando dunha copa de bo viño branco», sorrí.
«A Caldas –continúa- o fun coñecendo aos poucos: cales eran as súas aspiracións, que lle daba medo… E así descubrín a un tipo piadoso, que afronta o seu oficio de forma humana, un oficio que consiste en minorar a dor da xente que se cruza no seu camiño».
Os «Ensaios de Montaigne» e Vides de Fontán
A terceira e última suxerencia para esta segunda entrega das Lecturas de Pazo Baión é unha obra quizais algo máis densa, pero indispensable para os amantes da literatura. Son os Ensaios de Montaigne.
A Domingo Villar recomendoullo o seu bo amigo o xornalista Pedro García Cuartango. «Chego a este libro de maior porque un día, falando de filosofía, recoméndamo».
E recoñece que o deixou impresionado. «Son uns ensaios que resultan incriblemente modernos a pesar de ter sido escritos hai séculos. Conteñen moito sentido do humor e moven á reflexión. O libro pódese abrir case por calquera páxina. Está cheo de tesouros», evoca.
O escritor galego marida esta obra con Pazo Baión Vides de Fontán, un albariño moi singular. Especial polos seus 3 anos de crianza. Pola súa poderosa personalidade, o mesmo espírito que guía a obra de Montaigne.
Un espírito inquieto que, dalgunha forma, tamén identifica o noso invitado. «Sempre fun un rapaz fantasioso, cheo de vidas prestadas que bulían no meu interior. A ningún dos meus profesores de Bacharelato sorprendeulles a miña vocación. Sempre me din que os meus exames non se parecían moito ao temario [risas], pero que gozaban corrixíndoos», lembra.
Desa vocación creativa hai poucas dúbidas. O mes que vén sairá ao mercado o seu novo libro: Algúns contos completos. Un título orixinal que homenaxea ao seu pai e que é unha sorte de aventura literaria con dez contos ilustrados polo pintor Carlos Baonza.
Moita sorte co libro Domingo. E grazas por visitar A Lecturas de Pazo Baión.
Visita a nosa tenda online para mercar viño albariño.
Se queres facer enoturismo nas Rías Baixas descubre a nosa adega.